A agrupación de Avogados Novos de Vigo quere expresar o seu malestar por todo o acontecido durante as últimas semanas no referente a actuación do Tribunal Supremo co Imposto de Actos Xurídicos Documentados.
A última resolución do Tribunal modificandoa nova xurisprudencia emanada da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal produce un descrédito absoluto do noso alto Tribunal.
O cambio xurisprudencial no que se establecía que a obriga ao pago do imposto correspondía ás entidades financeiras realizouse de forma ordinaria mediante varios pronunciamentos con gran carga argumental e con vocación de futuro e por maxistrados expertos na materia tributaria.
O anuncio do presidente da Sala,o señor Díez Picazo, de convocar o pleno para resolver os seguintes recursos sobre a mesma materia, sendo un procedemento válido, ao facerse con tanta celeridade e sobre todo ante a situación de alarma producida no sector financeiro, convérteo nunha situación absolutamente anómala.
Máis aínda coa resolución acordada o día de onte mudando a nova xurisprudencia en menos dun mes, sendo un esperpento onde cambios xurisprudenciais que tardan anos en producirse, corríxense en días. Algo inaudito, que a ollos de esta agrupación non ten base xurídica e que supón un quebranto da seguridade xurídica e da tutela xudicial efectiva, piares básicos dun estado de dereito.
Sen poder ter acceso aínda ao pronunciamento, queda claro que a argumentación para a reversión desta xurisprudencia será absolutamente ineficaz para establecer xustiza, xa que o descrédito da institución, a impresión de falta de independencia xudicial ou de aliñamento do alto Tribunal cos poderosos, quedará gravado na conciencia cidadá por moito tempo. Algo intolerable.